#WattpadEnGalego
Ricardo Carvalho Calero naceu o ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar os seus primeiros versos. Transladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servicio militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da altura, nomeadamente co S. de EE. GG. Carvalho integrouse no movimento nacionalista e no activismo estudiantil. Até 1932, en que gañou unha praza de funcionario municipal na vila natal, Carvalho Calero enviou numerosas colaboracións ás revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos.
O golpe militar sorprendeuno en Madrid. Unha vez terminado o conflito, foi condenado por separatista e recluído no cárcere de Xaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965), restablecendo os contactos cos galeguistas que ficaran no país. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador que tivo como fruto máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Dous anos máis tarde gañou un posto de agregado no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago. Por fin, en 1972 foi nomeado titular da cátedra de Lingüística e Literatura Galega. Carvalho Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terán continuidade no movimento reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida.
Ademais da súa extensísima obra ensaística, cultivou a poesía , o teatro e a narrativa.
Membro da RAG desde 1958, faleceu en Compostela no ano 1990.