#WattpadEnGalego En 1869 Antonio Noriega Varela veu ao mundo en Mondoñedo.Ingresou con catorce anos no Seminario, onde se fixo popular gracias ao seu carácter festeiro e satírico. Alí adquiriu formación clásica. Os tres anos que viviu desterrado nas terras arraianas provocáronlle un sentimento de desolación. O posterior traslado a Trasalba supúxolle a posibilidade de trabar novas relacións. A máis definitiva sería a de Otero Pedrayo, baixo cuxa protección coñeceu a Basilio Álvarez e entrou en contacto cos escritores portugueses. Neste tempo publicou o seu primeiro libro (Montañesas, de 1904), poemario costumista con fórmulas decimonónicas que logo serán abandonadas en favor dun lirismo "franciscanista" máis depurado. En 1920 o "poeta da montaña" deu ao prelo D'o Ermo, en cuxas sucesivas edicións (até 1946) foi incluíndo novos poemas. Con 57 anos obtivo un destino definitivo como mestre con plenos dereitos e regresou ás terras da súa xuventude. En Abadín, onde foi recibido con admiración, contou coa compañía do xoven poeta Iglesia Alvariño, co trato dos labregos e coas conversas cos compañeiros na etapa do Seminario. Foron anos de recoñecemento, en que o mindoniense foi elixido membro da Real Academia Galega e en que se lle tributaron numerosas homenaxes. En 1930 Noriega solicitou o traslado á mariña para fuxir dos rigores do clima. Nas proximidades de Viveiro discorreu a última etapa da súa vida docente, rodeado de admiradores e amigos. Coa sublevación militar, posicionouse en contra da República, incrementando a súa produción poética (agora en español). Tras a guerra (e de novo instalado na nosa lingua) chegoulle o tempo do retiro e coñeceu, até o seu pasamento en 1947, un momento de fondo pesimismo.All Rights Reserved