Entrou na súa habitación. Pechou a porta. Ela permaneceu agachada no teito. Non a viu. Escurecía. Deixou a gabardina riba da cama e dirixiuse á súa mesa. Era peluda. As súas cerdas mouras dábanlle, alá no teito, o aspecto dunha gran sombra e o que a vise dende abaixo non podería menos que dubidar sobre a súa natureza. Estivera quieta toda a tarde agardándoo e agora aínda permaneceu a ler nun libro. Non había aire, sería mellor que abrise a fiestra. Abriuna. Seguía sen poder respirar. «Quizais —pensou— estea enfermo. Semella que teño febre». E pasou o dorso da man pola fronte. «Estou canso, iso é todo». Mais tiña a sensación de que alguén respiraba no seu cuarto todo o aire. Ademais del había alguén, outra persoa. «Maldito», e virou a testa buscando por toda a peza. «Estou alucinado».
Paseniñamente arrastrábase polo teito. Non podía afastar del a súa ollada. Temía que se fose. Que puidese fuxir. Ollábao intensamente namentres alancaba alongando apenas as súas patas peludas.
Si, alí había outra persoa. Ollábano. Cravaban nel unha ollada terrible, intensísima. Estaba desacougado. Con asfixia. Ergueuse e dispúxose a tomar algún medicamento.
Procurando avantar sen ser ollada, a araña descendeu deica o piso. Andaba moi despacio, alongando primeiro as súas patas dianteiras e logo as outras; a pesares delo non podía evitar un lixeiro renxer nas táboas do piso. Contiña a respiración e procuraba acollerse ás sombras das paredes.
Un renxer leve máis significativo. Ollou para ela e ficou aterrorizado. Coma un idiota. Tropezou con ela e estirouse coma nunha cama. Ollábaa sen poder afasta-los seus ollos dela. Viña cara a el. Co seu andar lento e renqueante e non sabía o que era exactamente. Semellaba un horrible escorpión mouro ou unha sombra ou un can ferido. Achegábaselle, botando lastimeiros xemidos. Pedíndolle que non a deixase soa.
Aínda que quixese non podería. Estaba completamente frío, paralizado sen vida. Tiña as mans ríxidas contra do pantalón e os ollos desorbitados. A araña achegouse a el e ergueuse nas súas patas traseiras, poñendo as de diante nas súas pernas, e pouco a pouco, facendo unha punzante presión nas coxas a través do pantalón, foise erguendo deica ficar apertada co seu abdome pegado ó del. Abrazábao nun movemento opresor e vacilante das súas patas, apertando moito a testa á súa. Chovía afora. Polos vidros caía a auga facendo un lixeiro bruído. A araña escrutáballe a face cos seus ollos brillantes e redondos, eran dous botóns inhumanos, fríos, que se asolagaban nunha maraña de pelos tesos. Nun principio semellou que ía bicalo, mais despois, e sen afastar da súa face a ollada, contentouse con acariñarlle a meixela pasándolle pousadamente unha pata pola cara. Pasáballa chea de tenrura sen advertir que o contacto dos pelos no seu rostro producira xa fatais consecuencias.
«A visita» é un dos relatos que nos deixou Xohán Casal (1935-1959), morto cando só tiña vinte e catro anos; o seu amigo Reimundo Patiño reuniunos anos despois no libro O camiño de abaixo. Esta inquietante narración lembra a atmosfera opresiva dos mellores relatos de Kafka, un autor que Xohán Casal nunca chegou a ler.
Franz Kafka (1883-1924) está considerado como un dos grandes renovadores da novela do século XX. A súa obra máis coñecida é A metamorfose, que ten como protagonista a un home que un día esperta convertido nun insecto. Este feito fantástico lembra o relato de Xohán Casal.
1. «A visita» é un relato que narra un feito fantástico con técnicas da narración realista.
• Resume, en poucas liñas, o argumento do relato.
• Apenas se nos dan datos sobre o protagonista. A que cres que obedece?
• Ata que a narración vai mediada, non sabemos que o agarda unha araña. Que datos se nos dan sobre ela antes de desvelar a súa identidade?
• Á araña atribúenselle algunhas características humanas. Cales?
2. O relato está contado por unha voz narradora externa, en 3ª persoa. Pero esa voz adopta dous puntos de vista, o do home e o da araña, que se van alternando ao longo da narración.
• Identifica os anacos que corresponden ao punto de vista do home e os que corresponden ao da araña.
3. «A visita» podería ser considerado un relato de terror. Nas narracións deste tipo é importante o que se conta, xa que hai que saber ir graduando a información; pero aínda o é máis a creación dunha atmosfera inquietante, ata chegar a un clímax que adoita coincidir co remate.
• Indica a secuencia dos feitos, tal como nolos conta a voz narradora.
• Sinala aquelas palabras e expresións que contribúen a crear unha atmosfera de medo. Repara de xeito especial nos adxectivos.
4. Semellaba un horrible escorpión mouro ou unha sombra ou un can ferido Así é como se narra a impresión que a araña causou no home.
• Por que cres que o autor escolleu cada un dos elementos desta tripla comparación?
5. Moitos escritores de contos sinalaron a importancia do remate, indicando que todo o relato debe ir medrando en función das liñas finais, que representarán o cume da tensión acumulada.
• Cres que o final deste conto cumpre esa condición?
• Que papel cres que cumpren palabras como bicalo, acariñar, tenrura, presentes nas derradeiras liñas do texto?
6. Os relatos de medo teñen unha presenza importante na nosa literatura, dende a tradición oral ata autores contemporáneos, como Fole ou Méndez Ferrín.
• Seguramente liches algúns libros de medo ou terror. Indica o seu título e autor. Cal foi o que máis che gustou? Como era o seu argumento?
7. Se volves ler «A visita», verás que están moi ben utilizados os elementos clave para construír un relato de terror:
— A inclusión do estraño dentro dun contexto cotiá.
— A elección dun léxico (sobre todo na adxectivación) que nos trae referencias inquietantes.
— A creación progresiva dun clima de inquietude.
• Escribe un breve relato de terror, procurando levar á práctica os elementos citados.