O que uniron os Ancares que non o separen os políticos

5 0 0
                                    

O vocabulario político que debemos empregar á hora de falar dos vínculos que unen a Galiza co Bierzo deben ser profundamente renovados. O modelo territorial artificial construído após da reforma de 1833 deixou morta á Provincia do Bierzo, separándoa da Comarca de Valdeorras e rebaixando o seu estatus político a prácticamente nulo.  A división política non só afectou ao eido puramente territorial, senón tamén ao lingüístico, ao social e ao identitario.

O eterno debate da reunificación segue a ser un debate aberto entre os bercianos e as forzas políticas que os representan. A diferenza  dos debates territoriais que poidan acontecer noutros lugares do Estado, como é o caso de Cataluña, no Bierzo esta discusión é transversal. Non entende de ideas a grande escala nin tampouco de esquerdas ou dereitas. Afecta a todos porque rebasa o eido político e afonda no sentimento puro e duro. Os bercianos non somos leoneses, somos bercianos. Así o percebimos sen distinción de cores políticas e ideoloxías.

Quizais sexa unha cuestión territorial semellante á do Vall d'Aran, pero moito peor xestionada. Alí teñen unhas institucións eficaces e útiles que representan aos araneses e un idioma protexido pola teimosía dos seus habitantes e pola correcta acción do Govern catalán. No Bierzo isto non acontece, e polo tanto estamos como estamos. Ninguén coida de nós. A Xunta ignóranos -a do bipartito tamén- e a Junta directamente esquécese de que existimos. Non somos nada para eles mais que un lugar onde irse de vacacións e comer ben. E tamén fuxir da chaira, claro.

Nesta serie de artigos tratarei de analizar varios aspectos para demostrar o pouco que nos une a Castela e o -bastante- que nos une á matria galega. E digo bastante porque, como xa sinalei, a política berciana é demasiado complicada como para que a comarca se comporte como un ente homoxéneo. Ducias de maneiras de pensar, de entender e de facer 'O Bierzo' agólpanse e confróntanse entre sí. De feito, igual que falamos das 'dúas Españas' podemos falar dos 'dous Bierzos'. A subdivisión comarcal é tamén transversal. Un berciano de Vega de Valcarce (a 10 minutos en coche de Pedrafita) e outro de Bembibre non se comportan nin responden igual ao preguntarlles como ven eles o Bierzo.

A reforma territorial de 1833 tivo consecuencias na antiga Provincia. Dividiu a identidade en dous: unha galeguizada e outra desubicada. Desubicada porque os bercianos que non están a prol de unficarse con Galiza tampouco se amosan Casteláns convencidos. Son persoas desubicadas cuxa identidade está baseada nun férreo bercianismo ou ben, nos casos de desubicación máis graves, un españolismo radical.

Entender ao Bierzo, aos bercianos, aos políticos bercianos e mesmo á terra que pisan estes cidadáns é complexo. As opinións, despois de tanto debate e tantas correntes de pensamento sobre o que debe ser a rexión, radicalizáronse exponencialmente. Se iso non bastaba para darlle inestabilidade á rexión, a Comarca atravesa un momento de terremoto político que parece invisible para a Junta de Castilla e tamén para o Goberno Central. A xente esta comezando a repensar que é a súa comarca, que se fala na súa comarca... O Bierzo nunca foi un cacho de terra máis. É un pedazo de terra incriblemente orgulloso de si mesmo, que busca un cambio para o seu completo desenvolvemento. 

No Bierzo non hai bandeiras de España nos balcóns, hai bandeiras do Bierzo, de Castela e de Galiza.

O Bierzo e/é GalizaWhere stories live. Discover now