O caduco modelo autonomista que rixe a convivencia de identidades dentro do Estado a miúdo confunde aos bercianos. Tanto podes ver autoridades galegas como castelás e leonesas facendo visitas á comarca. A confusión entre a xente é complementaria á política. Que somos?
Obviamente pertencemos a Castela e León, pero a presión lexislativa do Parlamento de Galicia é moito máis potente que o das Cortes de Castela e León. Quizais os políticos galegos, que adoitan a aprobar por unanimidade resolucións sobre o Bierzo, teñan unha especie de ideal 'imperialista' (comarquista soa menos épico) sobre o noso pequeno pedaciño de terra. A última iniciativa galega que afectou ao pobo berciano foi en 2015, cando o Parlamento aprobou por unanimidade unha resolución para que a Junta respectase o seu Estatuto de Autonomía. Si, Galicia pediulle a outra comunidade que cumprise coa Lei. Non vos recorda ao que pasa en Cataluña?
Sen embargo, a ninguén lle interesa o que teñamos que dicir os bercianos. As presións galegas son ignoradas e o Goberno central probablemente non sepa sinalar ao Bierzo no mapa. Por non saber, non saben nin que idiomas se falan aquí.
E por que está Galiza tan pesada co Estatuto doutra comunidade? Pois ben sinxelo, porque xa no seu día Fraga e Albor estableceron que o galego falado alén das nosas fronteiras tiña que ser protexido. Daquela, no inicio do autonomismo, todos eran moi fraternos e boiños e a incipiente Junta prometeu incorporar este reclamo no seu Estatuto de Autonomía. E así o fixeron, as Cortes aprobaron o Estatuto, que no seu artigo número 5.3 di: "gozará de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice".
A Xunta preocúpase por este artigo a pesares de ser da mesma cor que a Junta. Non é cousa dunha simple letra. O Presidente Feijóo goza de maioría absoluta, pero no seu potente 'rexionalismo' non se pode permitir o luxo de danar o galego máis alá do que xa o danou. Por interese político, que non por convicción galeguista, enfróntase ao goberno que rixe o Bierzo. E por convicción galeguista tamén se debería facer, pois o Bierzo aporta aproximadamente 25.000 galegofalantes segundo unha reportaxe publicada no Sermos en 2016. Un 23% da poboación considérase galegofalante, superando o valor de lugares como Ferrol ou A Coruña.
De todas formas, unha boa conclusión para esta problemática política podería ser que 'nin Junta nin Xunta'. Ningunha das dúas amosou un interese real na Comarca nin o amosará nun futuro próximo, independentemente de que cambien de cor. No seu momento o bipartito si que puxo en marcha iniciativas para a integración, cando menos cultural, do Bierzo na Galiza. O problema é o de sempre. Trala reforma territorial de 1833 o Bierzo está rexentado por Castela, non ten autonomía e goberne quen goberne en Castela e León o Bierzo importa pouco. 'Só' aportamos un 5% da poboación total a Castela e León, non temos nin importancia electoral; o Bierzo non ten escano propio nas Cortes e polo tanto é moi difícil que os rexionalistas bercianos logren levar as súas reivindicacións a Castela.
Supoñendo que votase o 100% do censo, Coalición por el Bierzo debería superar os 12000 votos. É dicir, mentres que o baremo para o resto de partidos é do 3%, Coalición ten que obter o 10% dos votos como mínimo para representarnos. Logo, pasa o que pasa.
YOU ARE READING
O Bierzo e/é Galiza
DiversosUnha serie de reflexións sobre a proximidade cultural, lingüistica, social e mesmo relixiosa entre o Bierzo e a Galiza.