UNHA TRAVESÍA POLA COSTA BRAVA

3 0 0
                                    


(Pola Costa Máxica a bordo do Anonymus)

Polas augas cristalinas de Girona,

onde os montes estenden

pendente

abaixo

alfombras verdes de piñeiros

ata as mesmas portas do Marnostre.

Onde o magma de pedra

ofrenda as enrugas poliédricas

a unha nutrida colonia de aves,

e areas e cantos conforman man a man

nas praias e calas o padal da terra

que a lingua do mar lamberá unha e outra vez.

Onde as montañas se suceden sinuosas

como os peitos erectos das amantes tendidas,

e os ubres mariños emerxen picudos

como atalaias privilexiadas,

maquillando de rosa e branco a dura codia de granito.

Onde bocexan as rochas adormecidas

para manter espertas as entrañas da terra,

e un bestiario de pedra exhibe entre esfinxes e grifóns

a galería de clons felinos, cetáceos e cánidos.

Onde fragas de piñeiros durmidos e fragas de piñeiros espertos

loitan con brazos de leña e mans de vento

contra unha barbarie de xigantes que crucifican a paisaxe

con tetraédricas construcións de artificio.

Hoxe perante ti, bravía costa mariña,

a alma e o corpo vístense de pedra e auga

nunha mestura de peles que flúen

da praia

ao monte,

do monte

cara á praia.

Mentres a vida me corra polas veas,

a túa fermosura indómita e única

encherá de luz e esplendor o álbum da miña memoria.

Pois quen te viu unha vez xa non pode esquecerte,

pero quen non te coñece

descoñece o valor e a emoción da beleza.

UNA TRAVESÍA POR LA COSTA BRAVADonde viven las historias. Descúbrelo ahora