O Xudío

18 1 0
                                    


Diante ía un home coa cruz. Seguíao outro co pendón. E despois o estandarte, santos, o cura, vellas que rezaban, rapaces... ¡que sei eu! Coma todos os anos.

Tocaban os gaiteiros unha marcha. A mesma de sempre. Cada tanto, un home arrimáballe o chisqueiro a un foguete de tres estalos. Os rapaces corrían tras da canavela, e cando a pillaban sentíanse triunfadores, coma se tivesen atopado un tesouro. Querían o fío para facer cometas. O sancristán repenicaba baixiño as campás. Baixiño para que a xente atendese a procesión; para que as vellas rezadoras puidesen pasar as doas do rosario e escoitarse unhas ás outras, facendo o labor xuntas como se fai a sega ou a malla.

Eu rabeaba por ir tamén á procura de foguetes, pero nunca me deixaban. O padriño veña de contarme a historia daquel rapaz que perdeu as mans por coller unha granada sen estalar. E miña nai arretegábame contra si. «Reza e mira para os santos», dicíame. Son o único na parroquia que vou en todo ó paso da xente grande. Queren que chegue a home antes de tempo. E eu teño moitas ganas de medrar. Pero coa gana non abonda. Teñen que pasar anos. Mentres, non podo divertirme cos compañeiros.

Os santos arrondeábanse sobor das andas por riba das cabezas da xente. A Virxe do Carme ten un arco moi lucido que lle regalou Mosteiro dende Cuba. O Xudío tiña dito que «o indiano faría mellor dando eses cartos ós pobres da parroquia ou mercando libros para a escola». Pero ó Xudío ninguén lle dá creto. E canto diga é coma se o dixese o mesmo demo.

Outros santos paseaban na procesión. Santo Antonio, co seu meniño no colo; san Roque, co seu can pequerrecho; o san Ramón, que disque non naceu, ou chegou ó mundo cando morrera a nai, ou algo así. Miña tía non soubo ou non quixo dicirme a historia polo dereito.

Despois de dar unha volta enteira ó adro, saíu toda a estangurrida polo cancelo e seguiu pola aldea adiante. Os gaiteiros teimaban coa mesma marcha, e o sancristán, penzo sobor dos bateis, seguía repenicando baixiño. Niso, a unha das catro mozas que levaban o santo Antonio non sei que lle pasou e miña nai achegóuselle. Eu lisquei. Fuxín da procesión. O home da pólvora púxolle lume a un foguete. Cando estalou mirei para riba e logo botei a correr. A valmontes, brincaba coma un cabalo novo, tripando sebes, regueiros e hortas. Sen saber como, fun dar á eira do Xudío. Xa non me lembraba do foguete que viña perseguindo. Renxeu un aramio e de seguida apareceu o can; un can vermello e fero. Recuei para que non me atenazase, e foi cando me bateron os ollos co dono da casa.

— ¿Ti que fas aquí? —díxome, con cara de ferreiro.

Non souben que respostarlle. Pensei no foguete, na procesión, en miña nai.

— ¿Viñas roubar pexegos?

— Non señor, que a min téñenme dito que roubar é pecado.

O Xudío colleume por un brazo e atravesou a eira comigo cara á cociña. Eu deixábame ir. O can viña detrás, lambéndome a graxa dos zocos.

Sentámonos en candanseu tallo. Todo estaba moi limpo. A cociña caleada, sen feluxe nin arañeiras, e cun vertedoiro grande que dá ó salido.

— ¿De maneira que non viñas roubar?

— É pecado —volvín dicirlle.

— E se non fose pecado, ¿virías?

Quedei coma se me desen unha labazada. O Xudío encendeu un pito, refregou as mans e olloume sorrindo.

— Ti es o Balbino, ¿non si?

— Si señor.

— Teus pais son boa xente pero andan moi apegados á cera, son moi amigos do crego e dos santos. ¿Estiveches na procesión?

— Dela veño —respondinlle.

— ¿E que sentiches?

Expliqueille que sentira as campás, os gaiteiros, o rosmar das mulleres que rezaban...

— Non, non —atalloume—. Quero dicir se pensabas en Deus e nos santos.

— Pensaba nos foguetes —díxenlle.

— Pois velaí tés: a xente que vai rezando tampouco atende ó que fai. Uns cavilan no hórreo baldeiro, na contribución, na peste das patacas; outros, tecen no pensamento as peores aduanadas, e senten ata cobiza da roupa boa que poidan levar os demais. Ti es moi novo e non entendes aínda certas ruindades. Se o zoqueiro, poño por caso, non pon tino ó que fai, cando ten o fío da macheta ou do xabreiro preto da man, tállase. Pois rezar é coma falar con Deus, que val moitísimo máis ca un par de zocos. E se Deus é como din, xa debe ter arranxado un inferno para todos os que lle fan burla desa maneira.

Eu comecei a tremer.

— ¿A ti ninguén che dixo porque me chaman Xudío? —preguntoume.

— Non, señor.

— Puxéronme ese alcume porque parolo sempre destas cousas. Todos, para o seu chaleque, saben que teño razón. Pero por fóra aldráxanme. A min tanto me ten; síntoo por eles, que parecen ovelliñas en vez de homes e mulleres. Cadaquén deulle a súa alma a gardar ó cura, e o cura non fai máis que estragarlla. Ninguén pensa pola súa conta. Pensar é pecado. Pedir xustiza, verdadeira xustiza, é pecado. E tamén é pecado ter ideas ou andar pola propia conta á procura da verdade. Pero ti es moi novo para entender algunhas cousas. ¿Vas á doutrina?

— Vou, si señor —díxenlle.

— ¿E que che ensina o crego?

— Fálanos da Trindade, das oracións, da misa, dos catro infernos...

— ¿E vós entendedes polo dereito todo iso?

 — Non todos son así. O cura de Ribán explícalle ós rapaces algo de catecismo. Algo, porque senón xa o bispo o tivese mandado sementar fabas. Pero tamén lles fai deprender xeografía, historia, costumes das xentes doutros tempos e doutros países. E ademais dilles como se plantan os bacelos, cal é o mellor tempo para enxertar, e outras cousas. Os fregueses quérenlle. Vai cos mozos á taberna, e se cadra bota con eles un subhastado. E os mozos cántanlle a misa os días de festa. Ese si que...

Oímos ladrar o can. O Xudío ergueuse e abriu a porta. Coñecín a voz da miña nai.

Doeume o corpo todo. Meu pai malloume coa corda. Non chorei, pero sentín tamén coma se me doese unha cousa que non me doi. ¡Que sei eu! Coma se me doese a alma.

Memorias dun neno labregoWhere stories live. Discover now