Tarde, por Nila

5 0 0
                                    

 Mañá é o teu funeral. En verdade non, pero sei que axiña o será.

Sabes? Sempre che tiven moito odio, dende que eramos ananos. E mírame agora, chorando mentres escribo esta estúpida carta que nunca lerás. Aínda por riba o taberneiro no piso de abaixo non deixa de besbellar unha das cantigas máis tristes que ouvira na miña curta vida.

Cando miro no espello e vexo o meu reflexo sinto ganas de vomitar, sinto noxo, e sinto vergoña. Pero máis vergoña sinto ao escribirte isto cando sempre te tratei como unha merda, que hipócrita da miña parte.

Onte souben que mañá será o teu xuízo. Oír o teu nome por primeira vez en anos sentoume como unha pancada no estómago. Non es moi bo para a miña saúde que digamos.

Non che vou mentir. Alegreime ao saber do teu encarceramento no seu momento, pero supoño que o paso do tempo fixo estragos en min.

Lembras cando serviamos xuntos ao cabaleiro Heiwood? Desfrutaba de facerche a vida imposible, eran bos tempos. Ti sempre tratando de salvar o reino meténdote en asuntos que non tiñan que ver contigo, e mira como remataches. Sabías demasiado. Aínda que eu tamén sabía demasiado, demasiado de ti, tanto que descubrín o que estabas a facer en contra do meu pai. Todo un complot contra el: que se servía ao reino inimigo, que se traizoaba a confianza do noso rei vendendo os segredos máis escuros ao herdeiro das sombras... Un sinfín do que cría que eran embustes inventados por ti para devolverme todas as maldades que eu che fixera.

Fun eu. fun eu quen te delatou. Fun eu quen avisou ao señor Heiwood do que estabas a tramar. Por iso agora, despois de anos encerrado, estás a piques de morrer.

Mais ódiome porque sei que era verdade. Ti sempre dicías a verdade. Pero eu pensaba que o facías para deixarme en mal lugar, tanto a min como a miña familia, e así gañar a estúpida guerra que tiñamos constantemente. Estúpido. Non todo xiraba en torno a min, eu non era o centro do teu mundo, por moito que ti si que o foses do meu. Agora arrepíntome. E sei que non serve de nada facelo porque ti xa non estarás aquí.

Por iso escribo esta carta, aínda que xa é demasiado tarde. Xa non sei que facer, estou a afogar. Cometín demasiados erros. Síntoo, oxalá puidese deter o tempo. Oxalá puidese cambiar o rumbo, ir contracorrente. Pero xa é demasiado tarde. Oxalá nunca che tivese dito todas aquelas parvadas, aínda que fose o que estaba a pensar no momento. Oxalá nunca te tivese delatado.

Agora aquí tumbado na escuridade é cando me decato de todo o mal que fixen e síntome morrer. Pero supoño que isto é todo. Non me quero despedir de ti, non quero nin podo. Non estou preparado para a túa morte. Porque me afectas tanto?

Esta é a túa última noite e eu sempre fun todo un cabaleiro así que me despido desexándoche doces soños: os teus últimos soños.

Durme ben, noutra vida espero poder emendar os erros que cometín contigo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

A canción que me tocou é Train Wreck de James Arthut. A canción é un grito de axuda para que alguén o saque dese "accidente de tren" que pode interpretarse como o desastre mental desa persoa. A min esta canción transmíteme unha sensación de despedida, de que malia a que non queiras xa non podes facer nada para que o "tren" teña o accidente. Na miña historia o protagonista xa non pode facer nada para evitar o que está por ocorrer porque xa é demasiado tarde, e aínda que chora, non hai nada que facer.

Cuarto escrito: "Aquela canción"Where stories live. Discover now