Tres ríos descendían desde o cumio do Fénix.
O río de auga, que levaba a verdade no seu discorrer.
O río de ouro, que lembraba os lazos de sangue que unían a todas as criaturas.
O río de cinza, do que a vida mesma xermolaba.
E bordeados por eses tres ríos, tres reinos erixíanse en todo o seu esplendor: o Reino de Auga, o Reino de Ouro e o Reino de Cinza. Cada un coas súas peculiaridades, pero todos unidos baixo o Imperio do Fénix. Máis alá das terras do Fénix habitaban as sombras e a absoluta escuridade. Se os reinos gozaban dunha pacífica existencia era debido á barreira de lume que grazas ó emperador rodeaba todo o Imperio e os protexía dese perigo.
Por iso, cando anos atrás o Reino de Cinza lle declarou a guerra ó emperador do Fénix, nin o Reino de Auga nin o Reino de Ouro apoiaron o levantamento. Como era de esperar, os cinzenses perderon baixo o abafante poder do emperador. E, coa derrota, non lles quedou máis remedio que baixar a cabeza ante o soberano do Fénix.
Pasaran xa algúns anos desde o final da guerra cando os príncipes dos tres reinos acordaron reunirse. Non os suficientes anos como para que as feridas e o resentimento sandasen, pero todos sabían que daquela xuntanza dependía en gran medida a estabilidade do Imperio. Polo que todas as olladas se pousaron sobre a capital de Cinza, o lugar escollido para tan importante acontecemento.
A maioría delas eran olladas curiosas que contiñan o alento, expectantes, pero tamén as había cobizosas e con ansias de aproveitar aquela oportunidade única para deixar saír o odio e os vellos resentimentos. Á fin e ó cabo, a escuridade non só habitaba no corazón das sombras.
⸙⸙⸙
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
ФэнтезиEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...