Antes de comezar, un saúdo a Eva, Alba
e Espírito Branco, que sempre me ledes ❤
Teño as mans cubertas de sangue.
Rodéame a escuridade, pero non necesito ver para sentir o horror. Malia que abro a boca, non consigo respirar. Non só son as miñas mans; hai sangue por todas partes. Gateo, non sei cara a onde, pois non hai maneira de escapar deste cuarto escuro. Caio e estendo as mans sen saber moi ben o que pretendo alcanzar. Ou talvez só estou tratando de apartar de min os meus dedos ensanguentados.
Ábrese unha porta que achega un pouco de luz á estancia, a cal pasa de debuxarse ante min en tons negros a adquirir unha tonalidade avermellada. Unha voz coñecida pronuncia o meu nome e o terror máis absoluto invádeme cando a súa figura se coloca no oco da porta.
Esperto coa respiración entrecortada e un grito atascado na gorxa. Cando recupero os sentidos, xa lonxe daquela escura estancia do meu pesadelo, atópome no meu propio cuarto escuro. Estou incorporada na cama, co corazón aínda acelerado e o medo vibrando nas miñas veas. Acendo o orbe de luz que está xunto á cama e coloco as mans no meu campo de visión. A man esquerda aparece espida ante min, mentres que a dereita continúa coa vendaxe branca que Gus me puxo, renovada despois de marchar do dormitorio da princesa.
Non hai sangue nelas.
Pero iso non me fai sentir mellor.
Levántome da cama e visto algo cómodo: uns pantalóns negros do meu uniforme de soldado e unha blusa rosa salmón. Despois, saio ó pequeno xardín dianteiro da modesta casa que alugamos na capital de Cinza. Ós habitantes do Fénix non adoita gustarlles moito a noite, por ser escura e o agocho perfecto das sombras. Pero a min non me importa, non son as sombras a quen lle temo.
Apóiome no marco da porta da entrada e respiro fondo, énchome coa frescura da noite e coa súa calma. Pecho os ollos e envólveme o silencio, que espero que acale tamén o ruído dos meus pensamentos. Permanezo así un tempo indeterminado que non me molesto en contar. Ata que o noto; alguén se achega.
Os meus instintos espertan, malia que intento silencialos a eles tamén. Oio os pasos, as voces de dúas persoas, os risos. Non parecen ameazantes, pero o meu corpo reacciona por impulso, segue un adestramento que eu nunca lle quixen aprender. Os músculos ténsanse, listos para correr, saltar ou o que sexa preciso. Os sentidos agudízanseme tamén e eu só podo apertar as mans, frustrada por non ter control sobre min mesma.
Entón, ós meus oídos chega unha melodía que recoñezo máis polas palabras que a acompañan que polo ton da música; son unhas palabras capaces de acougar un pouco os meus pensamentos. Despois, segue un murmurio:
—Shhh! Que te van oír.
E máis risos.
Están cantaruxando unha canción da Voz do amo.
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasíaEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...