Ela só quería ver a súa banda de música favorita.
El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar.
Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...
¡Ay! Esta imagen no sigue nuestras pautas de contenido. Para continuar la publicación, intente quitarla o subir otra.
Seira baila cunha elegancia e unha delicadeza que hipnotizarían ó máis incauto. Detrás dela, uns fíos de cinza procedentes da Fonte dos murmurios elévanse ó ritmo dos seus movementos. É unha imaxe fermosa, a princesa cun fino vestido branco guiando as cinzas. Pero nunca chega ó final do baile, detense á metade e volve comezar. Desta volta, cando cesa o movemento, tarda máis do normal en retomar a danza. Malia que a sabe ocultar moi ben, a súa frustración chega a albiscarse.
—Princesa... —atrévome a chamala.
Levamos aquí xa un bo anaco, eu facendo garda mentres ela ensaia o seu baile.
—Xa cho dixen, chámame Seira —di cun sorriso co que finxe que todo vai ben, un deses sorrisos que eu tamén sei facer.
Se me cinguise en exclusiva ó meu traballo, non debería dirixirme a ela máis que por cuestións relativas á súa seguridade e benestar físico. Pero desde o momento no que a coñecín e incluso cando me nomeou como unha das súas gardas persoais, souben que a princesa buscaba algo máis que unha nova persoa á que coñecer ou unha empregada. Supoño que por iso lle acabo de falar e por iso tamén non considero irrespectuoso dicirlle:
—Seira... Vai todo ben?
—Por que non debería ir ben?
Non o pregunta con acritude, senón con curiosidade, coma se non comprendese por que me podería parecer que algo no seu baile ou nela mesma se saen do que debería ser. Así e todo, por algún motivo, en lugar de esperar a miña resposta, ábrese a min:
—Nótase moito, verdade? —pregunta cun suspiro co que deixa saír parte da frustración contida.
—Que é o que se debería notar?
—Comigo non tes que finxir —dime—. Sei que tes afinidade coa cinza, máis ca min seguramente. —A princesa senta no bordo da Fonte dos murmurios e bota a ollada ó ceo—. Faga o que faga, nunca será suficiente, non para a raíña...
A verdade é que imaxino a que se refire. Malia o fermosa que é a súa danza e a elegancia coa que a executa, creo que Seira necesita empregar moito esforzo para poder desprazar ese pequeno fío de cinza que hai uns momentos a rodeaba.
—Os convidados non notarán nada —intento animala, referíndome ó gran baile que se celebrará dentro duns días e para o que Seira realizará unha demostración do seu dominio das cinzas.
—Pode que a miña danza das cinzas estea concibida para entretelos a eles, pero para min é só unha proba máis na que a raíña verá que non son o que espera de min.
Noto como non a chama avoa, senón raíña, e unha certa tristura médrame por dentro.
—Non moita xente domina a arte das cinzas —continúo co meu intento por facela sentir mellor e sento ó seu carón, xesto que a fai sorrir.
—Eu son a princesa de Cinza, querida amiga —di nun suspiro—. Eu debo dominala, debo ser a expresión personificada do que significa o Reino de Cinza. Pero... non sei, supoño que non nacín para isto. Se nacese para isto, seguro que podería oír as voces das cinzas que agardan nesta fonte. —Xírase e mírame—. Verdade? Ti pódelas oír, non é? Seguro que podes... Seguro que as cinzas levan falando todo este tempo e nin sequera un murmurio conseguín escoitar...