Ela só quería ver a súa banda de música favorita.
El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar.
Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...
¡Ay! Esta imagen no sigue nuestras pautas de contenido. Para continuar la publicación, intente quitarla o subir otra.
De día, a cidade é un lugar colorido e cheo de vida; os cordeis cruzan as casas con roupa tendida e as flores decoran todos os balcóns. Ten un aire a aldea grande, pero é un aire que me gusta. Así e todo, de noite a capital adquire os tons sepias do lume contido nos farois que gardan a cidade. Na aldea de Cinza na que vivía con Gus e con Rolán, as noites eran máis escuras e, con todo, resultaban máis acolledoras. Talvez, por moita luz que lle intenten impoñer á noite e por moitos farois que se acendan, dá a sensación de que somos tres rapazas atravesando territorio hostil.
As rúas están baleiras e o silencio goberna.
Lumi e Amura van collidas da man e falan en baixo, pero non cantaruxan, como si o facían ás aforas da cidade, onde había moitos menos farois. Malia que non está prohibido facer vida nocturna fóra da casa, non está visto con moi bos ollos e poida que na capital haxa unha peor opinión ó respecto. Así e todo, as miñas acompañantes semellan tranquilas, polo que non me preocupo. Ademais, que lea hai na que non acabase metida xa?
Avanzamos un pouco máis ata que empezamos a ver xente. Tampouco hai moita, o que é lóxico: ata onde eu sei, a xente non sae para contemplar o ceo en sombras, senón que saen só para atopar algún outro lugar no que acubillarse. Lumi sorrí e acelera o paso, arrastrándonos tras dela. Pasamos por diante de varios locais abertos, xunto ós que algunhas persoas manteñen conversas distendidas antes de entrar. Metémonos por un par de calellas ata dar a unha praciña que parece ser o noso destino, porque Lumi minora a marcha.
—Viñeras aquí algunha vez? —pregúntame.
Nego coa cabeza, coa atención posta no edificio de en fronte. Non parece distinto das demais edificacións ante as que pasamos, agás porque ten as xanelas tapadas e polas dúas persoas con carapuchas escuras que acaban de entrar coma se accedesen a unha reunión clandestina.
—Logo, benvida a un dos acochos da Voz do amo na capital de Cinza —indícame Amura.
Lévanme ata a porta, de aparencia antiga, e chaman. A porta ábrese e accedemos a unha pequena sala escura, onde se nota unha certa vibración no chan. Ó outro lado da estancia hai outra porta, que tamén se abre cando nos achegamos. E cando o fai, o silencio e a escuridade desaparecen.
—Vamos!! —exclama Lumi mentres tira de Amura e de min para dentro.
A porta péchase ás nosas costas e a música impacta no meu corpo; está altísima. Hai moitísima xente aquí reunida, saltando e bailando, igual que comezan a facer as miñas acompañantes. Eu aínda estou tratando de racionalizar os sons e as luces, pois do teito escintilan varios focos de cores que se van movendo de maneira intermitente.
Lumi sinala con insistencia o fondo da estancia e Amura asente, xusto antes de facerme un xesto para que as siga. Eu déixome arrastrar, confusa e alegre ó mesmo tempo; todo o mundo aquí desprende unha vitalidade que acaba sendo contaxiosa... se non te esmaga. Está a soar unha canción que non coñezo, pero é un estilo de música similar á Voz do amo, polo que intento seguir o ritmo mentres nos facemos sitio ata o lugar ó que Lumi quere chegar.