Aínda que non vou vestido co uniforme da garda real, non teño problemas para entrar no palacio con Gus. Para ben ou para mal, case todo o mundo me coñece aquí. Gus está máis nervioso a cada momento que pasa, o que non me estraña; se Nika non cambiou, e dáme a min que non, ten unha tendencia asombrosa a enlearse en toda clase de problemas.
Paro un momento nun dos amplos corredores de palacio, bordeado por grandes fiestras e portas acristaladas que provocan a sensación de que o edificio se entrelaza cos fermosos xardíns do palacio. Pouso as mans nos ombros de Gus, que me quedan algo altos porque el mide máis ca min, e intento transmitirlle algo de confianza.
—O malentendido co floreiro está relacionado coa miña familia, así que xa me encargarei de facelos entrar en razón.
Gus sobe a montura das lentes e suspira.
—Sabes que non é iso o que me preocupa —responde.
Si, seino, vivín o suficiente tempo con Nika como para sabelo. Suspiro eu tamén.
—Pero preocuparnos así non serve de nada. Primeiro temos que atopar a Nika e despois xa veremos a que nos enfrontamos...
Gus asente, non moi convencido, pero si un pouco máis sereno, e emprendemos de novo a marcha. Non sei se debería tratar de sacarlle información a algún garda ou esperar que nos atopemos casualmente con Nika agochada nalgunha esquina. O palacio é bastante grande e se ela está intentando escapar, vaino ter complicado sen coñecer a distribución do lugar.
E por que non nos pides axuda?
Un arrepío percórreme o corpo enteiro. Os meus ollos desvíanse cara ás esquinas dos arcos de pedra que decoran o corredor, cara ó xardín, na procura das sombras das árbores que estenden as súas ramas ata rozar as paredes do palacio. Iso é exactamente o que busco: sombras.
Témesnos a nós? Ou es a ti a quen temes?
Se as sombras risen, estou seguro de que agora mesmo as podería escoitar.
—Rolán?
Levanto a ollada e decátome de que nalgún momento deixei de camiñar. Gus non fai ningunha pregunta, pero pola súa expresión parece que lle gustaría. Sacudo a cabeza e xusto cando teño a intención de botar a andar de novo, alguén pasa polo meu lado. É só un momento, pero o meu interior revólvese e temo que as sombras se vaian levantar para gritarlle ó mundo que eu as podo oír.
Quen pasa ó meu lado é un cativo de pelo escuro, que se xira un segundo cara á min mentres me crava os seus grandes ollos azuis e di:
—Nika está onde a Fonte dos murmurios.
Sorrí, dáme as costas e continúa o seu camiño polo corredor de palacio ata que o perdo de vista. Ese era, sen dúbida, o príncipe Abiel, o segundo dos príncipes de Auga. Aínda que o primeiro deles é ó que menos soporto, este pequeno sempre me produciu bastante desacougo. Ás veces teño a sensación de que ese cativo é capaz de ver a través de ti cando te mira ós ollos, coma se soubese todas as verdades do mundo. E tendo en conta que provén do Reino de Auga, non sería tan disparatado que así fose.
—Non sei que acaba de pasar... —comenta Gus—, pero falou de Nika, non si?
—Si... Vamos, creo que sei onde pode estar Nika.
Non o creo, en realidade seino. Ignoro por que o príncipe Abiel coñece a Nika ou por que me está guiando ata ela, pero ese neno nunca di mentiras. Aínda que no Reino de Auga adoitan falar sempre con medias verdades. Non importa, se Nika está alí, alí iremos. Conduzo a Gus ata os xardíns; o pobre está tan preocupado que nin sequera bota unha ollada abraiada arredor, como faría calquera persoa que pisase esta lugar.
A situación só empeora a medida que nos achegamos á Praza dos murmurios porque, por algún motivo, hai xa gardas antes de chegar. Así que cando vexo a Briana, unha das miñas compañeiras de traballo, entre os gardas, agarro a Gus pola chaqueta para detérmonos e chámoa:
—Briana, que está pasando?
Ela, unha moza máis alta e forte ca min, coa súa longa melena loura recollida nunha coleta, mírame con sorpresa e despois con diversión.
—Rolán! Se non ías vir traballar, polo menos podías disimular e non andar de paseo polo palacio.
—Non estou de paseo.
—Non te preocupes —chíscame o ollo—, non lle direi a teu pai que te vin, aínda que hoxe puxo unha cara aterradora cando viu que non estabas no teu posto...
—Dáme igual —intento cortala.
—Pois debería importarche, porque...
—Briana! —interrómpoa, porque Gus non é o único que se está a poñer nervioso—. Que tal se me dis dunha vez o que está pasando?
—Ah? Iso? —nega coa cabeza coma se non fose nada—. Unha rapaza, que polo visto escapou da prisión despois de intoxicar a Tobi. Pero xa está a súa maxestade a raíña ocupándose do asunto...
—A raíña?! —exclamamos Gus e mais eu a un tempo.
A Briana faille graza e solta un riso. Non é a única, os gardas que nos rodean e estaban escoitando a nosa conversa tamén se amosan divertidos.
—Si! A raíña! Esa muller si que ten carácter —di Briana con orgullo—, estaba pola zona cando se cruzou cuns gardas que buscaban a fuxitiva e foi ela mesma na súa procura. E con que facilidade a atopou!
De súpeto, empezo a ser consciente de que a situación escalou demasiado rápido en moi pouco tempo. Os gardas continúan coas súas expresións tranquilas, coma se este non fose máis que outro suceso resolto pola raíña.
—Rolán —chámame Gus.
Cando levanto a ollada, espero atopar un rostro pálido ou tinguido pola preocupación, pero, de novo, Gus sorpréndeme cunha determinación que me resulta descoñecida.
—Imos sacar a Nika desta —sentencia.
Aperta os puños, respira con forza e empeza a facerse paso entre os gardas, que non parecen moi preocupados pola situación. A fin de contas, aínda que Gus é alto e non ten dificultades para avanzar, cando chega ó tramo final, unhas espadas interpóñense no seu camiño. Non son ameazantes, pero si disuasorias.
—Rapaz —dille un dos gardas que lle corta o paso e que, se non estou errado, forma parte da escolta persoal da raíña—, esta zona de palacio está temporalmente restrinxida —informa e despois de botarme unha ollada a min, que quedei atrás seguro que con cara de estúpido, escurécelle o rostro—. Pero aínda que veñas de acompañante de alguén que ten permiso para estar en palacio, debo advertirte de que iso non che outorga a ti permiso para estar aquí e, de ser ese o caso, debo solicitar que abandones o palacio e as súas instalacións de inmediato.
—Non podo —di Gus—, a miña irmá está sendo xulgada e culpada inxustamente, así que non podo marchar.
O garda asente.
—Nese caso —di e chama un par de gardas que están onda min—, teremos que sacarte nós de aquí.
Gus non se move, non avanza porque debe de intuír que contra a escolta real da raíña non pode facer nada, pero tampouco retrocede. E a min empeza a ferverme o sangue. Porque o que sempre quedaba atrás agochado era Gus, non eu. Porque non sei en que momento comecei a cumprir ordes sen cuestionar, a xustificar a miña covardía como obediencia.
Por favor, gran Fénix, dáme valor.
Antes de que os gardas lle poidan poñer unha man enriba a Gus, camiño ata el e plántome diante dos dous escoltas da raíña que fan garda antes da Praza dos murmurios.
—Solicito unha audiencia coa raíña de Cinza, agora —digo con firmeza.
⸙⸙⸙Moitas grazas por ler, votar e comentar. Que o Fénix disipe as sombras no voso camiñar, lémonos!
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasiEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...