Non está aquí o que a túa alma anhela, o que o teu corazón ansía.
Sábelo, non si?
E aínda así, cres que somos nós as que mentimos.
Se alguén soubese que as sombras me falan ás veces, todo sería moi diferente. Antes intentaba buscar explicacións; agora, limítome a ignoralas. Aínda que, como elas mesmas suxiren, talvez me estea enganando a min mesmo. De non ser así, non lle estaría dando tantas voltas ó asunto.
—Seira... —digo baixiño.
Ela achégase máis contra min; está esperta.
—Sabes... que xa non sinto o mesmo, verdade? —pregunto.
Seira acaricia o meu torso espido.
—Non pasa nada —di—. Chega con que esteas ó meu carón. Xusto como estás agora.
É a mesma resposta que me deu a última vez que falamos do tema. Acaríciolle o cabelo, ten unha fermosa melena castaña decorada con margaridas. Toda ela é fermosa, tamén o é a súa personalidade. Pero a nosa relación leva varios meses reducida a isto, a bicarnos, a deitarnos, a finxir que non existe o mundo cando estamos xuntos.
E é agradable, non vou mentir. Pero preocúpame non saber canto de todo isto é real e canto é tan só unha farsa. Non quero que nos fagamos dano.
Apártoa con coidado e busco os meus pantalóns.
—Xa marchas? —pregunta a princesa.
—Algúns temos que traballar —respondo cun sorriso amable, pero que non deixo de sentir baleiro.
Coma se esta mañá fose unha repetición de tantas outras, de tantos sorrisos que son máis produto da cortesía que dun sentimento inocente de ledicia.
Acabo de abrochar o cinto cando xa estou xunto á porta. Collo a espada que onte apoiei nunha cadeira de calquera forma e, entón, óioa:
—Non marches.
Podo imaxinala, apenas levantada, coa melena tapándolle media cara nesa feble luz que se filtra a través das cortinas. Imaxínoa, porque non me atrevo a xirarme; non quero mentirlle á cara, hoxe non.
—Vémonos, princesa —despídome cunha man en alto mentres coa outra xiro o pomo da porta.
Ó saír do cuarto da princesa, solto todo o aire que contivera sen decatarme. Un par de traballadores pasan xunto a min, sen prestarme demasiada atención; non é ningún segredo con quen se deita a princesa.
É tarde, debería estar xa no cuartel da garda real, na que traballo, esperando as ordes do día. Aínda estou a tempo de apurar e finxir que quedei durmido ou algo polo estilo, pero a discusión que tiven onte con meu pai pásame pola cabeza e as miñas nobres intencións desaparecen. Así que a onde vou cando saio do palacio é á miña casa. Sei que lle acabo de dicir a Seira que tiña traballo, pero incluso ela entendería que non me apeteza compracer a meu pai.
Cando chego, crúzome cun dos traballadores da limpeza, que non debe de ser moito maior ca min. Non di nada, aínda que pola cara que pon é fácil intuír o que está pensando: compadécese da reprimenda que me espera en canto chegue meu pai. Ignoro a todo aquel co que me cruzo, aínda que só sexan un par de persoas, e vou directo ó meu cuarto. Cando me tiro na cama empezo a lamentar un pouco a miña decisión de non ir traballar hoxe.
Xírome cara a un lado e encóllome, abrazando un coxín.
Sei que non gaño nada facendo enfadar a meu pai, pero ás veces sentir que o único que fago coa miña vida é o que el quere supérame. Tampouco é coma se eu tivese claro que hai un lugar máis axeitado para min que a garda real. O que si penso desde hai anos é que por moito que diga que esta mansión na que me atopo é a miña casa, nunca o sentín así. Pero de que me vou queixar eu, que traballo na garda real, estou saíndo coa princesa do reino e pertenzo a unha familia nobre?
No medio das miñas cavilacións, alguén chama á porta. Desfago o abrazo do coxín e finxo que levo todo este tempo facendo algo digno coma ler O equipamento de batalla definitivo: como chantarlle os cairos ó teu inimigo mortal, un manual de loita e armamento que polo visto nos últimos meses causou furor entre os soldados dos tres reinos. A min, a verdade, non é que a lectura me estea apaixonando demasiado, supoño que por iso non pasei do terceiro capítulo.
—Adiante —digo.
Recoñezo a unha das asistentas que traballan para a miña familia, Luscinda creo que se chama.
—Desexa comer algo, señor? —pregunta, coa ollada baixa.
Seguramente ten instrucións de non fisgar nos asuntos dos seus señores, aínda que debe de ser das poucas que as obedece.
—Non teño fame, grazas —respondo mentres paso unha páxina do libro. Como non marcha, engado—: Sucede algo?
Parece algo nerviosa, pero toma aire e di:
—Xa lle chegou a nova canción da Voz do amo.
—Que? De verdade? —pregunto con demasiado entusiasmo mentres tiro o libro a un lado—. Quero dicir, grazas por avisar...
Que vergonza, polo Fénix.
—Se me permite o comentario... —di Luscinda—, se tivese os cartos suficientes eu tamén coleccionaría todas as cancións da Voz do amo. Son... o mellor grupo de música que tivemos en décadas... sen dúbida.
Baixa a cabeza avergonzada, pero eu só podo pensar en que nunca sabes onde podes atopar alguén que comparta os teus gustos. Interesaralle a Seira A voz do amo? Nin sequera me atrevín a preguntarllo en todo este tempo; incluso diría que esta é a primeira vez que falo con alguén de forma tan aberta sobre a miña banda de música favorita.
Aínda que me parece oportuno indicar, neste sentido, que A voz do amo non é unha banda precisamente coñecida pola súa boa fama.
—O disco está embaixo —engade Luscinda—, pareceume mellor que fose o señor o primeiro en collelo e examinalo.
Luscinda sería unha gran coleccionista, espero que miña tía lle pague ben e poida empezar a súa colección da Voz do amo. Pola miña parte, non perdo un segundo e salto da cama para ir directo ó piso de abaixo. Ó final parece que si vai pagar a pena faltar hoxe ó traballo.
—Señor! —chámame Luscinda cando eu xa case cheguei ás escaleiras.
—Si? —pregúntolle de mellor humor ca nunca.
—Desexa que lle prepare o baño?
Sorrío.
—Sería estupendo, Luscinda.
Pola cara que pon, creo que lle acertei co nome.
⸙⸙⸙
Nota da autora:
Moi boas! Moitísimas grazas por estar lendo "Arderán as cinzas". Este capítulo está narrado desde o punto de vista de Rolán, quen ten bastante que ver co incidente que deixou a Nika encerrada nunha cela...
Divido o capítulo en dúas partes para poder asegurarme de ir tendo capituliños para subir.
En calquera caso, a semana que vén tamén hai capítulo! E talvez Nika e Rolán se atopen por fin...
Por certo, se me deixades estrelas e comentarios axudádesme moito!
Graciñas e espero que esteades desfrutando da historia ❤.
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasyEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...