Gus venda a miña man dereita con coidado e dilixencia. Xa non estamos nos xardíns de palacio, a princesa Seira insistiu en levarnos ós seus apousentos para ter algo de privacidade. Gus e eu estamos sentados nunhas delicadas cadeiras brancas, pulidas con detalles en verde, a xogo coa mesa de té na que colocamos os produtos que nos trouxeron para tratar a miña ferida.
A princesa colleu un libro e sentouse nun refinado sofá en fronte nosa, coma se non lle importase ter a dous descoñecidos no seu dormitorio. Gustaríame agradecerlle o que fixo, pero no camiño ata aquí non nos dirixiu a palabra máis que para convidarnos a vir con ela. E despois xa centrou a súa atención na lectura e non me gustaría ser descortés coa princesa do Reino de Cinza.
Por outra banda, sen pretendelo, a miña ollada acaba sempre en Rolán, que está sentado nunha banqueta xunto á fiestra.
Rolán.
De verdade é el? A última vez que o vin medía pouco máis ca min, era un neno. É curioso que xa non sexa tal e como era hai anos e que ó mesmo tempo os seus ollos azuis me resulten tan coñecidos. Se pola mañá non estivese tan avergonzada por todo o que pasou, estou segura de que me fixaría nel e que sería capaz de recoñecelo. Aínda que admito que sería difícil procesar no momento que ese corpo adulto pertencese ó Rolán neno dos meus recordos...
Por que nos tivemos que atopar así? Nin que o Fénix estivese xogando comigo.
Encantaríame falarlle, preguntarlle pola súa vida, contarlle o moito que o botei de menos. Pero o noso desastroso encontro na súa casa creou un ambiente de tensión difícil de romper.
—Listo! —exclama Gus, satisfeito.
Xiro a man vendada ante min, con certa curiosidade. Malia que me meto en moitos problemas, non adoito facerme tanto dano como para necesitar unha venda.
—Que tes na outra man? —pregunta Gus.
Esquecérao por completo. Abro a man ante el e amósolle o colgante da Voz do amo, o culpable de que acabase escapando da prisión. A verdade é que preferiría non devolverllo ó garda que o tiña; estaba claro que non era afeccionado á Voz do amo.
—De onde sacaches iso? —pregunta de súpeto Rolán, erguéndose da banqueta.
A princesa levanta a ollada do libro e Gus parece curioso pola miña resposta.
—Tíñao o garda que vixiaba as celas... Pero non llo roubei! —apúrome a engadir—. Colleullo outro dos presos e entre unha cousa e outra acabou nas miñas mans...
Por que a miña vida é tan surrealista?
Así e todo, creo que a Rolán lle fai graza. E non só a el, Gus aparta a ollada para que non vexa o sorriso que se lle forma na cara.
—Teño que devolverllo? —pregúntolle a Rolán.
—Nin de broma —responde con contundencia.
Camiña onda min e, despois dun momento de dúbida, colle o colgante.
—Non me malentendas. É que... —mírame un momento ós ollos, pero aparta a ollada rápido e só murmura—: é meu.
—Teu?
Gárdao no peto e encóllese de ombros.
—Un compañeiro da garda real que me ten unha xenreira tremenda quitoumo. Pero claro, non podía acusalo...
—Porque era un colgante da Voz do amo —sorrío.
El non parece moi contento de que acabe de mencionar o grupo de música e talvez non debería afondar no asunto, xa que o noso desafortunado incidente está relacionado cunha das súas cancións. Pero é o meu grupo de música favorito! Paréceme incrible que a el tamén lle guste. Non pola música, que é moi boa, senón porque non todos os fans pasarían o esforzo de conseguir un colgante seu que non se vende de maneira precisamente legal.
—Adoro A voz do amo —non podo evitar dicir.
Porque é a verdade. Porque cada canción do grupo fai saltar o meu corazón e ás veces incluso se sente coma se cada palabra de cada letra fose capaz de darlle nome a cada sentimento descoñecido do meu corazón. Porque o único motivo polo que vin á capital de Cinza foi para ver a banda tocar, para ver a Rosaura. E porque despois de cinco anos separados, xamais esperaría que un dos meus mellores amigos da infancia acabase compartindo paixóns comigo, incluso na distancia.
—De verdade? —sorpréndese.
—Adorar? —intervén Gus, en desacordo—. Debes de ser a súa maior fan.
Non o nego; é máis, sorrío. Mentres que a maior parte da xente adoita evitar admitir sequera que escoita A voz do amo, eu se puidese gritaríao en todas as direccións. Tendo en conta, claro, que polo momento aínda non te encerran en prisión por escoitar a súa música.
—A súa maior fan? —pregunta Rolán, cun aceno divertido—. Permíteme dubidalo.
Parece que vai engadir algo máis e, por un intre, volvo sentir unha complicidade que me resulta familiar. É como unha conexión sutil, coma se estivésemos falando a lingua do Imperio, a que todo o mundo coñece, e ó mesmo tempo estivésemos empregando un código que só funciona entre nós.
Un intre que só dura un escintileo de candea.
Despois, Rolán mira ás miñas costas e a expresión cámbialle. Vólvese completamente neutra e, sen mirarme ós ollos, di:
—É o mesmo.
Xírase e achégase de novo á fiestra. Eu non sei que dicir, vólvome cara á Gus e decátome de que a princesa, desde o seu sofá, xa non lle presta atención ó libro, senón á nosa conversa. Talvez estou metendo en problemas a Rolán por falar da Voz do amo diante da princesa. Gus tómame a man e decido compoñer un sorriso e finxir que non acaba de pasar nada.
—Grazas por vendarme a man —murmúrolle.
—Sempre que o precises —responde el.
A princesa pousa o libro no sofá e érguese con delicadeza. É abraiantemente fermosa. Non o digo só polo atractivo que poida ter, senón polo engaiolante que resulta a maneira na que a audacia e a xentileza se xuntan na súa expresión. Pode atravesarte cos seus ollos agrisados ó tempo que é capaz de darche o aire que precisas para non afogar. E ademais, encántanme as pequenas flores que adornan o seu pelo.
Os seus movementos son suaves e elegantes cando di:
—É fermoso ver dous irmáns que se coidan con tanto agarimo.
—Non son irmáns —puntualiza Rolán, sentado de novo na banqueta e coa mirada fixa máis alá da xanela.
⸙⸙⸙
Grazas por ler, votar pola historia e deixar algún comentario ❤. Espero que esteades desfrutando da lectura; a mediados de febreiro subo a continuación do capítulo.
Que o Fénix disipe as sombras no voso camiñar, lémonos!
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasyEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...