Segue a música, seguen as luces e segue a xente. Así e todo, e por fortuna, onde serven as bebidas parece que os sons chegan un pouco atenuados.
—Aí o está —declara Amura.
Tomo aire.
Rolán está sentado na barra. Desde atrás, mimetízase á perfección coa contorna, cun vaso de cristal baleiro na man e o cabelo despeiteado despois de bailar. Podería ser calquera fan da Voz do amo que se apartou un momento da zona de baile, pero é Rolán.
—Non vas ir? —pregunta Amura.
—Claro que vou ir, só estaba pensando...
—Amura! —chega Lumi por detrás, que quedara falando cuns coñecidos que atopou de camiño—. Din que van ir a Recanto, que facemos?
Polo contexto, deduzo que as persoas coas que estaba teñen pensado ir a outro local.
—Queres ir, non? —di Amura.
—Si! Pero podo dicirlles que esperen un pouco para que Nika poida falar co seu amigo, parécevos?
—Si, será mellor...
—Non —digo, firme.
—Como non? —sorpréndese Lumi.
—Ide con eles.
—Pero...
—De verdade —insisto—. Eu teño que falar con el —volvo fixar a vista en Rolán—, vós xa me axudastes moito esta noite.
—Pero non te imos deixar aquí soa!
—Iso é certo.
—Non vou estar soa, vou ir agora con el...
—E como sabes que non te vai deixar soa? —protesta Lumi—. Ou non foi el o que te evitou antes tan pronto nos achegamos a ti?
—Non vos preocupedes, en serio. Penso que se sorprendeu tanto coma min por atopármonos aquí, nada máis.
—Aínda así... —Lumi non parece convencida.
Podería dicirlle que formo parte do exército de Cinza, malia que agora estea cunha excedencia, e que co meu adestramento corro eu menos perigo ca elas, incluso se van en grupo. Pero non creo que iso a convenza.
—Isto é algo que teño que resolver eu —dígolles e sorríolles—. Moitísimas grazas pola noite de hoxe.
—Nikaaa! —di Lumi xusto antes de asaltarme cunha aperta que eu correspondo.
Amura non se une, pero tamén sorrí.
—Estás segura de que vas estar ben? —pregunta.
Asinto, aínda que Lumi, que agora está agarrada ó meu brazo, non parece de acordo.
—Non me gusta deixarte así... —láiase.
—Lumi, non era que nos estaban esperando? —dille Amura.
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasyEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...