Ela só quería ver a súa banda de música favorita.
El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar.
Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...
¡Ay! Esta imagen no sigue nuestras pautas de contenido. Para continuar la publicación, intente quitarla o subir otra.
Tía Bríxida, que debe de notar que non lle facemos caso, suspira con sonoridade. Pero agora mesmo é na última persoa na que quero pensar, porque ante min teño a alguén que creo que xa non esperaba volver a ver.
De entre todos os lugares nos que podía imaxinar que me reencontraría co meu mellor amigo da infancia, a miña casa na capital de Cinza non era un deles. Supoño que porque o Rolán que xogaba con Gus nunha pequena aldea do reino e o Rolán que intenta ser cabaleiro na capital son persoas distintas.
Os recordos aproveitan para facerse paso a través da miña mente, imaxes dun pasado que tratei de esquecer. Non é que garde malos recordos daquel tempo, máis ben é todo o contrario, lembranzas dunha época á que nunca poderei volver. Aínda que ter a Gus xusto diante de min estame facendo repensar as posibilidades.
—E ti por aquí? —pregunto por fin.
O sorriso de Gus, máis brillante en persoa que nos meus recordos, esvaécese, substituído por unha gran preocupación. Vólveme tomar polos ombros, pero desta volta é un agarre un tanto desesperado.
—Rolán, é Nika. Acaban de levar presa a Nika.
—Nika?
Levaba anos sen oír ese nome, sen pensar na persoa á que lle pertence.
—Nika? —pregunta tamén miña tía, cun xesto bastante serio.
Nika é un nome tabú na miña casa.
—Non está falando de miña nai —aclaro, molesto de que tanto tempo despois non poida falar dela sen que meu pai ou miña tía amosen algún tipo de resentimento.
Non, miña nai non é a única persoa que coñezo con ese nome.
Nika.
—Como que a levaron presa? —pregunto.
O meu cerebro está intentando comprender como Gus, Nika, tía Bríxida e a miña casa poden ter algún tipo de relación.
—Pedinlle a Nika que me trouxese un ungüento que esquecera, ela nin sequera tiña que estar aquí —explica Gus.
Sigo sen comprender que ten iso que ver con que Nika acabase presa.
—Xa sabes que Nika nunca busca problemas pero sempre acaba metida neles —continúa, apertando con forza a asa do maletín—. Como ía ela entrar na casa dun descoñecido para romper un floreiro que nin sequera podía saber que era tan importante?
O floreiro. Desvío a ollada cara ós seus restos, nos que xa hai un grupo de persoas traballando, coma se merecese a pena intentar reconstruílo. O floreiro que eu mesmo vin caer.
—Non —digo.
Non pode ser. Sinto como os meus latexos se aceleran. Non pode ser, pero unha parte da miña mente sabe que si pode ser. Trato de lembrar a rapaza descoñecida coa que me atopei antes; levaba o uniforme negro dos soldados que non traballan na capital e tiña o pelo escuro. Ningunha desas características se corresponde coa Nika que coñezo.