Ela só quería ver a súa banda de música favorita.
El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar.
Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...
¡Ay! Esta imagen no sigue nuestras pautas de contenido. Para continuar la publicación, intente quitarla o subir otra.
Os xardíns do palacio do Reino de Cinza quítanme a respiración con só unha ollada. Aínda sinto o corazón a punto de saírme pola boca despois da carreira que botei para escapar da prisión, pero a paisaxe que se abre ante min consegue determe. Nunca pretendera vir á capital de Cinza e moito menos acabar no palacio real. Pero agora mesmo, ante camiños de pedra branca que se perden e se enredan entre fermosas árbores en flor e delicados arbustos que bordean os sendeiros, por un momento sinto que a pesar de toda a mala sorte que me levou a acabar aquí, o mundo aínda sorrí.
Comprobo que non hai gardas á vista e deixo que os meus pasos me leven baixo unha longa pérgola de pedra da que penduran fermosas glicinias de cores moradas. Teño escoitado dicir que, dos tres reinos, o de Cinza é o máis humilde e o menos poderoso, pero calquera que camiñase coma min por este escenario dubidaría da veracidade deses rumores tan estendidos. É certo que o reino non dispón de grandes cidades máis alá da capital e que a maior parte da poboación se distribúe en pequenos núcleos de aldeas. Con todo, creo que a capital, aínda que polo que vin mantén parte desa aura de sinxeleza con respecto a outras cidades do Imperio do Fénix, non ten nada que envexarlles.
Unha parte de min permanece alerta por se de súpeto me cruzo con algunha persoa indesexable, mentres a outra non pode deixar de admirarse pola fermosura que me rodea. Unhas pisadas por detrás de min fan que un arrepío me suba polo corpo e apártome da pérgola para refuxiarme detrás dunha árbore de flores brancas. Non vexo a ninguén, pero iso non me tranquiliza.
Aínda que me encantaría estar aquí de turismo, por desgraza son unha criminal e estarei acabada como me pillen. Sacudo a cabeza e céntrome; se cruzo estes inmensos xardíns, á forza teño que chegar ós límites do territorio de palacio e desde aí poderei escapar. Cando me trouxeron a prisión, fixérono por un camiño moito máis discreto, así que agora que cheguei aquí sen saber moi ben a onde ía, estou bastante perdida.
Camiño un pouco máis, ata que chego a unha pequena praza presidida por unha construción de pedra: unha fonte de cinza. Uns recordos que cría esquecidos volven a min, toman a forma das afastadas palabras que unha vez me dixo meu pai. El faloume deste lugar, estou segura de que ten que ser esta a fonte que el mencionaba nas súas historias.
Vou cara á ela, trátase dunha construción hexagonal da que, en vez de saír auga, sae cinza. Está decorada con relevos de temática floral, acompañados por delicadas esmeraldas. Estendo a man dereita, na que non suxeito o colgante da Voz do amo, e toco a suave cinza que se acumula no interior da fonte. Na man noto a ferida que me fixen tratando de recoller os fragmentos do estúpido floreiro que me trouxo ata aquí.
De novo, pasos, pero esta vez estou segura de que se deteñen detrás miña.
Decátome de que quedei tan absorta por atopar un lugar que dalgún xeito me resultaba coñecido que deixei de prestar a debida atención á miña contorna. Trago saliva e xírome ata que a fonte queda ás miñas costas, esperando ver a un garda enfadado. Con todo, quen está ante min é un neno demasiado ben vestido como para ser un traballador do palacio. Será un nobre? Saberá que son unha fuxitiva?