Uns parruliños camiñaban á beira dun estanque, sen atrevérense aínda a meterse na auga, onde outros parrulos nadaban. Un rapaz descansaba na herba xunto ó estanque, dáballe voltas a unha margarida entre os dedos. Era un día solleiro e tranquilo, só perturbado por un afastado berro que foi incrementando a súa intensidade. Soaba algo así:
—AaaaaaaaaaAAAAAAHHHHHHH!!
Era un berro infantil, furioso, cheo dese enfado que nace cando presencias unha inxustiza feita a un ser querido. Nunha aldea próxima ó estanque, Nika, unha rapariga duns doce anos e rechamante cabelo laranxa, non o dubidou, non agardou a que Gabio lle puxese a man enriba a Gus. Estaba cansa de que se mofase del e aínda que sabía que a primeira opción sempre debía ser o diálogo, con Gabio as palabras eran inútiles. Por iso, a pesar de que Nika era unha mingurrias ó lado do abusón, asestoulle unha boa puñada directa ó queixo. A rapaza sacudiu e dorida man no aire e, como era de esperar, Gabio apenas se inmutou co golpe. Lonxe de molestarse co acontecido, un sorriso divertido cruzoulle a cara e a cuadrilla que sempre o seguía a todas partes comezou a animalo con gritos e asubíos.
Gustavo, un rapaz duns trece anos, aínda máis esmirrado ca Nika, contemplaba a escena con horror. Estaban nun recuncho arredado da aldea e os gritos de pelexa ben se podían confundir co balbordo dos nenos xogando, polo que era improbable que algún adulto se presentase por alí. Gabio non tardou en reaccionar con ferocidade e tirar a Nika ó chan dun empurrón. A pesar da súa inferioridade física, a rapaza non estaba disposta a ceder. Pola súa mente aínda voaban os mal intencionados insultos que lle dedicaran a Gus, porque sempre era con el con quen se metían. Talvez, como a ela non parecía afectala que a chamasen foguetiño, cenoria podre ou calquera outro nome que fixese referencia de xeito despectivo á cor do seu pelo, Gabio e a súa cuadrilla centraran as súas mofas en Gus.
Nika ergueuse, un pequeno fío de sangue escorregáballe pola meixela. Rodeada polos berros dos amigos de Gabio, tratou de golpealo e só conseguiu a cambio que este lle encaixase unha puñada no estómago que a deixou sen respiración. Gus quixo dicir algo, quixo moverse, pero tiña o corpo completamente bloqueado. Con cada novo golpe que recibía Nika, sentíase máis culpable e covarde. As pernas non lle respondían e tiña ganas de chorar. Despois doutro empurrón co que Nika volveu acabar no chan, Gabio mirou a Gus con decepción.
—Polo menos a cenoria inténtao —comentou mentres Nika se incorporaba como podía—. Ti non vales nin para pelar patacas.
E Gus, como tantas veces, sentiu que merecía aquelas palabras, porque eran certas. De non selo, sería capaz de defender a amiga que sempre o apoiaba a el en vez de ser un mero espectador ante a malleira que estaba levando. Gabio e Nika dispuxéronse a continuar coa contenda, cando uns disparos resoaron ós seus pés. O abusón e a súa cuadrilla miraron en todas as direccións na procura dalgún tirador, pero antes de poder atopalo, dous novos disparos ameazantes volveron impactar contra o chan. Parecía que algún dos cazadores da aldea descubrira a pelexa e decidira poñerlle fin.
—Vale! —dixo Gabio levantando as mans—. Xa marchamos, veña!
Fíxolle un xesto á súa cuadrilla e liscaron correndo antes de seren reprendidos por algún adulto. Gus e Nika, pola súa banda, non se estrañaron cando un rapaz da súa idade saltou desde os muros dunha vella casa de pedra abandonada. Levaba unha arma ó ombro e non parecía moi contento.
—Rolán! —exclamou Gus, aliviado por fin despois dos angustiosos momentos que pasara.
O aludido fíxolle un xesto para que non fixese ruído, pois Gabio e os seus aínda podían andar preto e se descubrían que Rolán era o autor dos disparos non lles ía facer nin chisco de graza. Nika aproveitou para dar uns pasiños con disimulo, nun intento por liscar de alí sen ser vista.
—A onde vas? —preguntou Rolán cunha cella levantada.
Nika detívose e xirouse amodo cara a el. Tragou todo o temor que ela mesma pasara coa pelexa e forzou un sorriso.
—Ola, Rolán, e ti por aquí?
—Salvándovos o cu, polo que parece.
Estaba bastante molesto e a Gus, que se tranquilizara grazas á chegada do seu amigo, volveulle tremer o corpo en contra da súa vontade. Nika tomou toda a forza que tiña e, coma se non estivese preocupada nin lle doesen as rabuñaduras dos brazos, falou:
—Non direi que tiña a situación controlada, pero a malleira merecíana.
—Que malleira? A que che estaba dando el a ti?
Nika coñecía o suficiente a Rolán como para saber que o seu enfado era directamente proporcional á preocupación que sentía. Con todo, se aquela mañá quería facer sentir ben a un dos dous, era a Gus. Así que sacou peito con orgullo e dixo:
—Agora pensarano dúas veces antes de meterse con nós.
E sen deixarlle tempo de resposta a Rolán, colleuno a el e a Gus da man e botou a correr.
—Estabas onda o estanque, verdade? —preguntoulle Nika ó cativo que aínda tiña a arma no ombro.
Rolán soltouse, sen intención de deixar ir o seu enfado con tanta facilidade.
—Si, agardando por vós. Non se vos pode deixar sos.
Os tres camiñaron cara a alí, cara ó estanque dos parrulos. Gus agachou a mirada e Nika ollou para Rolán coma se o reprendese por facer sentir culpable ó seu amigo. Rolán puxo os ollos en branco e suspirou.
—Pero non nos preocupemos agora por iso —acabou cedendo e botou a correr con ánimo—. O último en chegar é unha miñoca noxenta!
—Eh!! —queixouse Nika, que non dubidou en tratar de adiantalo—. Iso é trampa!
—Agardade! —pediulles Gus.
Pero o cativo, lonxe de sentirse deixado atrás polos seus amigos, sentía que estaba xusto onde máis lle gustaba estar. Seguindo os pasos das dúas persoas coas que quería crecer, as persoas que, como naquela ocasión, incluso separados pola distancia, sempre lle tendían a man.
Nika estivo a piques de adiantar a Rolán, pero este agarrouna polos ombros e entorpeceuna, retardándoos ós dous. Gus sorriu e tamén minorou a marcha; non lle importaba ser unha miñoca noxenta, eles nunca o chamarían así, nunca o farían sentir de menos por ser o último en chegar.
Naquel tempo, Rolán aínda non era cabaleiro nin estaba perdido, Gus descoñecía que algún día querería aprender a sandar as persoas e Nika só aspiraba a que todos os días acabasen como aquel, entre gargalladas xunto a un estanque cheo de parrulos indiferentes ante o estraño comportamento humano.
⸙⸙⸙Feliz 2023!!
Nesta ocasión, adentrámonos no pasado de Nika, Gus e Rolán. Espero que saber máis do pasado dos protagonistas vos guste tanto como a min.
Coma sempre, moitas grazas por ler, votar e comentar. Que as chamas do Fénix vos protexan. Lémonos!
ESTÁS LEYENDO
Arderán as cinzas |Galego ❤|
FantasíaEla só quería ver a súa banda de música favorita. El só trataba de encaixar no que cría que era o seu lugar. Pero el padecía nudismo accidental e ela sempre se metía en problemas, así que era inevitable que acabasen no medio das intrigas de palacio...